O Mestre




Cando Fraguas comezou a estudar o acceso á educación non estaba garantido para toda a poboación. Como viches no cartel 1 comezou a ler da man da nai e a súa familia fixo grandes esforzos para que asistise á escola. El valorou tanto a súa educación que despois quixo ensinar a outros, moitas veces aos que menos tiñan. Imos analizar a situación do ensino na actualidade...

Coa axuda da páxina web do IGE (CD) recompila as porcentaxes de abandono educativo temperán total dende o ano 2000.

a) Realiza unha análise estatística descritiva da variable aleatoria X, “porcentaxe de abandono educativo temperán en Galicia”. Inclúe os parámetros estatísticos e gráficos que consideres necesarios e analiza os resultados obtidos.

b) Como ben sabes, a variable aleatoria X que estudaches no parágrafo anterior, pode estar relacionada con moitas outras variables socioeconómicas. En grupo, escollede unha variable socioeconómica a nivel Galego do IGE e fundamentade a hipótese de que ambas están relacionadas.

A partir destas dúas variables imos levar a cabo un proxecto de investigación matemática.
a) Elixide o tema e a proposta do título.

b) Elaborade un esquema básico cos puntos fundamentais do traballo (Introdución, Metodoloxía, Resultados, Conclusións, Bibliografía,...)

c) Realizade a análise descritiva da segunda variable escollida, así como a análise descritiva bidimensional das dúas variables, e analizade de novo os resultados obtidos.

d) Construíde o diagrama de dispersión. Que conclusións podes obter sobre o coeficiente de correlación lineal? Calculádeo.

e) Obtede a recta de regresión das dúas variables. Está ben axustada? As predicións son fiables? En caso afirmativo probade a predicir o valor dunha determinada variable en 2019.

f) Elaborade un informe final con todos os resultados e conclusións obtidas.



Recorda! Se tes dúbidas sobre algún termo estatístico podes utilizar o Portal Educativo do IGE

Comentarios

Publicacións populares